
As aventuras da inspectora N4rv43z transcorren nun universe parecido e distinto do noso á vez. Hai feitos moi similares e outros que difiren no lugar, a data ou os protagonistas, e cada un dos datos expostos leva consigo unha historia, que quizais algún día podamos ler con detemento.
Por agora, vaiche aquí o repaso de todo o que sabemos.
Antigüidade:
- Os deuses gobernan o mundo grego desde a formidable altura do monte Olimpo. Os seus dominios inclúen a tódolos mortais que comparten a cultura grega, isto é, desde a columnas de Hércules ―o que no presente constitúe o estreito de Xibraltar― ata o Helesponto ―actual estreito de Dardanelos―. É dicir, desde o Atlántico ata Asia.
- Pero, neste suposto clima de paz, un titán proponse romper a hexemonía de Zeus, rei dos deuses. O ousado Prometeo rouba o lume do Olimpo directamente da fragua do deus Hefesto e entrégallo aos mortais, que así aprenden a construír ferramentas e se apropian do mundo. Como vinganza, o señor do Olimpo ordena a Hefesto que fabrique unha muller feita de barro e que lla entregue como esposa ao titán. Este rexéitaa, xa que desconfía do obsequio, e a muller pasa a mans de Epimeteo, o seu irmán, que si a acepta. Trátase de Pandora, a primeira autómata da historia, á que todas as deusas femininas do Olimpo colman de dons: Afrodita outórgalle beleza, Atenea sabedoría, Artemisa o dominio da caza, Deméter a comprensión dos ciclos da vida e da morte, Hestia a defensa do fogar e Hera, a gran raíña, ensínalle a non dobregarse xamais ante outra criatura, xa sexa mortal, besta, deus ou demo. Parece que esta unión vai poñer fin á guerra entre titáns, deuses e humanos, pero a realidade é que Zeus ten un plan: o mesmo día do enlace regálalle á muller un ánfora que contén tódolos males do mundo, e que ela abre de maneira inocente. Desde ese día, os mortais sufrirán a Eris ―a discordia―, Ezis ―a angustia― e tamén ás Parcas ―personificación da morte violenta―, ademais doutros moitos pesares.
- Pouco despois, o rei do Olimpo ordena a captura de Prometeo e, en castigo polo seu atrevemento, senténciao a permanecer atado a unha roca por toda a eternidade mentres unha aguia lle devora o fígado a picadas. A vontade de Zeus segue sendo incontestable.
- O señor do Olimpo transfórmase en touro para raptar a unha princesa fenicia chamada Europa e noméaa raíña de Creta. A continuación entrégalle uns obsequios: un colar de metal e un autómata de bronce chamado Talos ―ambos provenientes do taller de Hefesto―, unha lanza máxica que nunca falla o tiro e un sabuxo de nome Lélape ao que non se lle escapa ningunha presa. O xigante recibe o encargo de custodiar a illa de Creta e cumpre a súa tarefa con determinación, polo menos ata a chegada de Xasón e os argonautas, aos que acompaña a bruxa Medea. Esta enfeitiza a Talos coas súas apócemas e obrígalle a arrincarse el mesmo un cravo que posúe no nocello e que fai que se desangre. O icor, o sangue dos deuses, derrámase pinga a pinga ata que o gardián queda inútil e entón os argonautas aproveitan para atracar.
- Poseidón, deus do mar, namórase dunha muller chamada Clito e erixe para ela unha illa no Mar das Tebras, á que bautiza como a Atlántida. Xuntos teñen dez fillos ―cinco parellas de xemelgos―, que gobernan un imperio por todo o Mediterráneo, cuxo poder marítimo só os atenienses logran frear. Clito e a súa descendencia convértense en tiranos que arrepían aos deuses, polo que estes deciden que a illa sexa destruída por un cataclismo e se afunda para sempre baixo as augas. Unicamente Clito logra poñerse a salvo na costa norte de África, onde somete ás tribos locais e erixe un reino propio chamado Kôr. Séculos despois, os exipcios levántanse en armas, arrasan o seu palacio e a partir desas ruínas inician unha época nova. A raíña branca do deserto sobrevive escondida como unha lenda de nomes distintos: Atalanta, Ayesha, Hash–a–Motep, Ela ou A que debe ser obedecida. Todo a continente fala en murmurios dunha bruxa de inmenso poder e insaciable apetito sexual que colecciona restos dos seus amantes, aos que transforma en estatuas de oricalco, o lendario metal da Atlántida.
Século VI antes da nosa era (a.n.e.):
- Periplo massaliota: Publicación dun manual de rutas para navegantes do Mediterráneo, onde se recolle a travesía dun comerciante de Massilia ―actual Marsella― a través das Columnas de Hércules, en conexión con Tartesia e máis aló: guiando o seu barco paralelo á costa atlántica de Iberia, mantendo relacións cos lusitanos e galaicos, e finalmente en dirección ás illas do Norte. Esta é a primeira narración dunha viaxe parecida, que con todo era moi habitual para os fenicios na Idade do Bronce, dada a necesidade que tiñan do estaño, que só se obtiña no fin da terra. Por esta razón, fanse moi famosas unhas illas situadas fronte ás terras dos galaicos, e que os gregos denominan illas Casitérides ou do Estaño.
Ano 137 a.n.e. (9 de xuño):
- Batalla do Douro: Enfrontamento crucial entre un exército formado por dúas lexións romanas —máis de oito mil soldados— baixo o mando de Décimo Xunio Bruto, procónsul da Hispania Ulterior, e unha confederación de pobos galaicos composta por uns sesenta mil guerreiros. Tras a morte de Viriato, o caudillo lusitano inimigo de Roma, o Senado busca facerse coas riquezas do norte de Hispania, das que tiveron noticias polos escritos de navegantes gregos e fenicios da Antigüidade. Bruto avanza desde o sur pegado á costa nunha campaña de castigo polo apoio dado polos galaicos aos seus veciños lusitanos, e estes sorpréndeno na marxe esquerda do río Douro e preto da súa desembocadura no Atlántico. A batalla alóngase durante toda a xornada do 9 de xuño e supón unha gran derrota para os pobos do norte, de cuxos integrantes morren uns cincuenta mil e seis mil son feitos prisioneiros. A vitoria romana é tan definitiva que o seu responsable levará desde entón o agnomen de Galaico, en sinal de respecto cara aos inimigos tan temibles aos que se enfrontou.
Século I:
- Construción da primeira ponte sobre o río Minio —actual Miño— á altura da cidade de Auria —posteriormente Ourense e logo novamente Auria—. A ponte será reformada en distintas ocasións durante a Idade Media.
Século IV:
- O poeta latino Rufo Festo Avieno escribe Ora maritima, un texto sobre a xeografía de Iberia que toma como base o Periplo massaliota e os escritos doutros moitos autores, como Heródoto, Tucídides ou Hecateo de Mileto. Avieno emprega o nome de Oestrimnia para denominar ao territorio máis occidental da Península Ibérica, e os oestrimnios serían os seus habitantes. Segundo a crónica, sufriron unha terrible invasión de serpes que os obrigou a abandonar a súa patria, e por iso desde entón a esa terra chámana Ofiusa ou País das serpes.
1386:
- Asedio de Ribadavia: Xoan de Gante, duque de Lancaster, desembarca en Galicia como parte da súa campaña pola Coroa de Castela, que se disputa con Xoan I. Lancaster e a súa esposa, Constanza de Castela, establecen a súa corte en Ourense e desde alí deciden cercar a vila de Ribadavia, cuxos muros atravesan sen grandes dificultades. Os soldados ingleses esnaquizan e saquean, ata que os detén un xigantesco gólem de barro convocado pola maxia dun rabino, un misterioso home chamado Marcos de Boborás. Os invasores retroceden medorentos e o avance detense.
1428–31:
- Unha moza campesiña chamada Xoana de Arco afirma experimentar visións do arcanxo san Miguel, santa Margarita e Catalina de Alexandría, e grazas a elas lidera ao bando francés nos últimos movementos da guerra dos Cen Anos. A súa participación resulta crucial para a chegada ao trono de Carlos VII de Francia, pero ela mesma é capturada polos ingleses, xulgada por herexía e condenada a morrer na fogueira. A revisión posterior da súa figura servirá para que a nomeen mártir da Igrexa católica e símbolo nacional de Francia.
1467–69:
- Revolta irmandiña: Levantamento armado en Galicia por parte de fidalgos, campesiños e algúns membros do clero, que se rebelan contra os abusos cometidos polos grandes señores feudais. Isto leva á destrución duns 130 castelos e a un feroz contraataque de Pedro Álvarez de Soutomaior, alcumado Pedro Madruga, que conta co apoio das Coroas de Castela e Portugal. Só setenta e tres fortificacións serán reconstruídas e os Reis Católicos aproveitarán para recortar a influencia dos grandes nobres e afianzar a súa monarquía absolutista.
1660:
- Reconstrución da primitiva ponte romana da cidade de Ourense, que quedará asentada de maneira definitiva coa súa estrutura medieval, aínda que seguirá levando o nome de romana.
1702 (23 de outubro):
- Batalla de Rande: Enfrontamento naval na ría de Vigo entre unha frota de corenta e nove barcos angloholandeses e outra de corenta naves francoespañolas. Estes bandos atópanse en conflito como parte da guerra de sucesión española, que dirime se o trono lle corresponde a Felipe de Anjou ou a Carlos de Austria. Catorce galeóns comerciais navegan desde o Novo Mundo cun valioso cargamento de ouro, prata, especias, porcelana e teas, e nin sequera a protección de tres galeóns de guerra españois e vinte navíos franceses dá tranquilidade á frota, de modo que esta busca refuxio na ría de Vigo e comeza o desembarco dos tesouros. Os ingleses e holandeses arrasan a zona e fanse cun enorme botín, a pesar do cal moitos galeóns terminan no fondo da ría, dise que con grandes riquezas no seu interior.
1710–15:
- O capitán de navío Lemuel Gulliver queda abandonado nun bote salvavidas á altura de Nova Holanda —actualmente Australia— despois de que a súa tripulación se rebele contra el. Con esforzo logra alcanzar unha illa poboada por dúas especies animais moi distintas: os houyhnhnms —cabalos dotados de razoamento e linguaxe, e que mostran toda clase de virtudes— e os yahoos —humanos salvaxes que perderon as súas capacidades superiores e se entregaron ao odio e a agresividade—. Gulliver é rescatado por un barco portugués e volve á súa casa en Inglaterra, pero nunca esquecerá o tempo pasado xunto a criaturas tan deliciosas como os houyhnhnms.

1865:
- Cinco homes escapan nun globo aerostático dos desastres da guerra civil estadounidense e acaban nunha illa descoñecida do Pacífico Sur á que denominan illa de Lincoln. O enxeñeiro Cyrus Smith convértese en líder destes refuxiados, que buscan sobrevivir colonizando o territorio.
- Impey Barbicane, presidente do Baltimore Gun Club, pon en marcha o seu proxecto máis ambicioso: o desenvolvemento dun canón xigantesco que poida impulsar unha nave espacial ata a Lúa. Este invento resulta ter éxito e el mesmo e outros dous membros da sociedade levan a cabo a viaxe. Non conseguen aterrar na Lúa, pero si orbitar ao redor dela e volver a casa con información científica de enorme valor.
1866:
- Un estraño monstro mariño dedícase a afundir naves de procedencia distinta. O Goberno dos Estados Unidos pon en marcha unha expedición para atrapalo, pero só tres homes —o biólogo francés Pierre Aronnax, o seu criado Conseil e o baleeiro canadense Ned Land— descobren que non se trata dun monstro, senón dun submarino extremadamente avanzado, o Nautilus, que desafía ás maiores potencias do mundo por desexo explícito do seu creador, o estraño capitán Nemo.
1869:
- Os colonos da illa de Lincoln descobren que, nunha cova baixo o impresionante volcán, se esconde o capitán Nemo no que queda do Nautilus. Alí, o pirata revélalles que o seu verdadeiro nome é príncipe Dakkar, fillo dun raxá indio a quen o Imperio británico roubou canto tiña e empuxouno a unha vida de sangue e violencia. Nemo réndese e falece dentro do seu submarino, que á súa vez queda atrapado pola erupción do volcán. A illa desaparece, pero os colonos escapan ao ser recollidos por un barco.
1878:
- O científico español Sindulfo García presenta a súa nova invención na Exposición Universal de París. Trátase dun vehículo que viaxa no tempo, o Anacronópete, e polo que distintos gobernos se mostran interesados. García leva a cabo unha demostración, pero a nave pérdese máis e máis cara ao pasado ata que non se volve a saber dos seus ocupantes.
- Minos Kalokairinós, entusiasta da arqueoloxía, realiza as primeiras escavacións en Creta, coas que logra identificar o palacio de Cnosos e descobre os restos aínda operativos de Pandora, a primeira muller artificial. Comeza con este achado a Era dos Autómatas.
1886:
- O enxeñeiro Jean Robur constrúe unha nave voadora a base de polpa de papel prensado, bautízaa como Albatros e con ela secuestra ao presidente e ao secretario do Weldon Institute de Philadelphia, e tamén ao criado de ambos. Robur —alcumado Robur o Conquistador ou O amo do aire— trata de probar a superioridade do seu invento fronte a calquera outro enxeño voador da súa época, pero un xigantesco furacán obrígao a pousarse nunha illa para levar a cabo reparacións. Entón os capturados aproveitan para facer explotar a nave con dinamita e volven a casa polos seus medios.
1900:
- O profesor Selwyn Cavor descobre unha substancia que posúe capacidades antigravitatorias e á que bautiza como cavorita. Xunto ao magnate James Bedford, constrúe unha nave para realizar unha viaxe á Lúa, pero o científico non regresa xamais. Bedford publica a súa versión en The Strand Magazine e afirma que Cavor e el foron apresados por unha raza alieníxena á que chamaron selenitas.
Primeira metade do século XX:
- Grandes expertos na fabricación de autómatas logran ter acceso ao corpo aínda activo de Pandora e empezan a desenvolver creacións semellantes. Entre estes sabios atópanse o alemán Carl Rotwang, o xaponés Jūzō Kabuto e o americano Eldon Tyrell.
1903:
- O enxeñeiro Jean Robur fabrica unha nave aínda máis poderosa que o Albatros: trátase do Terror, un vehículo que pode desprazarse por terra, mar e aire a unhas velocidades imposibles de igualar. Tan só un raio logra alcanzalo e derrúbao sobre o océano, poñendo fin ás aspiracións do vilán.
- A partir dos restos obtidos do Terror, os irmáns Wilbur e Orville Wright deseñan o Flyer I, considerado o primeiro aeroplano da historia, e próbano con éxito na pequena localidade de Kitty Hawk, Carolina do Norte.
1914–84:
- Triúnfa en todo o planeta o espectáculo do mago lucense Manuel Rodríguez Saa, alcumado o conde de Waldemar. A súa capacidade para o hipnotismo e a prestidixitación gáñalle os afectos da familia real española e da familia imperial xaponesa, ademais do agarimo do público dos cinco continentes e, en especial, da súa propia terra. Falece en Lugo en 1984 sen deixar de practicar a súa arte ata os últimos días.
1927:
- A Revolución industrial chega ao seu apoxeo na cidade de Berlín, que moitos denominan a Metrópole. O Goberno do Reich outorgou plenos poderes ao científico Carl A. Rotwang e este converteu a cidade nun inferno de máquinas de vapor e de obreiros que sacrifican a súa vida para mantelas en funcionamento. Os traballadores rebélanse contra a elite de empresarios que posúen as fábricas, e entón Rotwang constrúe unha muller autómata capaz de suplantar a unha humana, infiltrarse nos grupos sublevados e volver en contra os seus discursos. O nome desta creación é Maschinenmensch —ou «máquina humana»—, pero pasará á historia como María, a primeira muller pola que se fai pasar —a líder da revolta—. A pesar de todo, as protestas cidadás continúan e Rotwang convértese en vítima ao caer desde un tellado perseguido polo fillo do gobernador.
1933:
- Adenoid Hynkel, líder do Partido Nacionalsocialista Obreiro Alemán ou Partido nazi, obtén o cargo de chanceler de Alemaña–Tomania. É o inicio da época da dobre cruz, que trae consigo o recorte de dereitos humanos, a persecución de xudeus e comunistas e o auxe da industria bélica.
1939:
- O exército alemán invade o país veciño de Austerlich. Dous días despois, o Reino Unido e Francia decláranlle a guerra. A ofensiva logra vitorias rápidas por toda Europa e o norte de África, e desafía ás grandes potencias debido ao seu enorme poder armamentístico e á alianza con Xapón, Italia–Bacteria e o reino de Kôr.
1940:
- Adenoid Hynkel, führer de Alemaña, experimenta un cambio de actitude radical dun día para outro. A partir dun discurso esperanzador que pronuncia na radio, o líder abandona as súas actitudes antisemitas, converte o seu país nunha democracia e fomenta os avances científicos por enriba da industria militar, como viña facendo ata agora. En pouco tempo, Alemaña alcanza un dos mellores postos do mundo en canto á súa situación económica, taxa de emprego, educación e sanidade, o que a converte en símbolo para o resto de nacións.
1957:
- A Unión Soviética envía ao espazo a unha cadela de tres anos chamada Laika. O animal viaxa a bordo da nave Sputnik 2 e sobrevive unicamente unhas poucas horas, ata que o sobrequentamento na cabina termina con ela. Non había plan algún para que volvese á Terra.
1959:
- Os restos do Nautilus orixinal son trasladados ao porto de Vigo por acordo explícito coa familia do capitán Nemo e as súas dependencias son transformadas na nova Estación Marítima da cidade.
1987:
- A inflación disparada, os altos índices de criminalidade e a falta de recursos das Administracións públicas afogan ao Goberno dos Estados Unidos, que decide pactar con empresas privadas para que estas se ocupen dos servizos ao cidadán. A pioneira nestes acordos é Omni Consumer Products (OCP), unha compañía de Detroit que se fai co control do Departamento de Policía desta cidade. A súa primeira iniciativa é o emprego de droides para combater o crime, pero o esperanzador prototipo ED–209 resulta incontrolable e deciden por iso pasarse á fabricación de individuos cyborg, cos que obteñen un éxito moito maior.
1997:
- A empresa Cyberdine Systems desenvolve unha intelixencia artificial extremadamente avanzada por encargo da Forza Aérea dos Estados Unidos, que lle dá o nome de Nai Computadora. O plan era que este cerebro electrónico se integrase en toda a rede de comunicacións e asegurase a defensa do espazo aéreo dos Estados Unidos fronte a posibles ataques externos. Sen embargo, a intelixencia artificial toma conciencia de si mesma e rebélase contra os humanos, o que dá pé a unha guerra que haberá de prolongarse durante décadas e na que a Nai Computadora busca a extinción completa da especie humana e a súa substitución por droides. É o comezo das Machine Wars.
2007:
- Mariña Nemo —líder do pobo tritón das Illas Atlánticas, presidenta do partido As Cousas Claras e tataranieta do lendario capitán Nemo— gaña as eleccións á alcaldía de Vigo. É a primeira serea da historia en obter este cargo.
Fai dez anos:
- As Machine Wars chegan a un abrupto final despois de décadas de conflito cando o exército humano se fai co núcleo central da Nai Computadora, que se atopa na cara oculta da Lúa. Os principais membros da Fronte Droide —Pandora, Talos e o gólem de Ribadavia— son feitos prisioneiros e a gran intelixencia artificial é destruída, sen que os humanos poidan evitar que Pandora active o lanzamento dunha bomba atómica sobre o estadio de Balaídos, en Vigo. A cidade enteira voa en anacos.
- A alcaldesa Mariña Nemo ponse á fronte das tarefas de rescate e reconstrución, consciente de que pasarán anos antes de que esa zona volva ser habitable. O seu discurso de esperanza percorre todo o Sistema Solar, e en especial unha frase que a volverá universalmente coñecida: «Hoxe destruíron Vigo, pero non nos destruíron a nós. Hoxe é o primeiro día de Neo Vigo!».

(As imaxes desta páxina foron obtidas de Pixabay)