Odio

I Premio Xosé Neira Vilas de Literatura Xuvenil.

Todo apunta ao comezo dunha nova guerra entre humanos e droides nas Terras de Poñente.

Neo Vigo, a cidade dos neons e os rañaceos antigravitatorios, aínda lembra a bomba atómica que estourou sobre o estadio de Balaídos hai dez anos e que terminou coa revolta da Nai Computadora. Pero agora hai un influencer que se dedica a reavivar o odio entre os vellos bandos, á vez que apareceron mortos seis replicantes no Museo do Pobo Galego de Compostela. Seis policías que participaron nunha carreira ilegal para divertimento dos humanos, e da que pronto vai haber unha nova edición xunto á catedral de Auria, da que toda a galaxia vai estar pendente.

Este é un caso para a inspectora N4rv43z, da División de Seguridade da Fundación Omnia.

Odio é unha novela de aventuras que transcorre nunha contorna futurista de ambientación cyberpunk. Con cidades cheas de neons, edificios que voan, hologramas, xigantes mecánicos e droides que pelexan polos seus dereitos civís, a trama segue a investigación policial dunhas carreiras ilegais nas que faleceron seis replicantes, curiosamente todos eles membros do Corpo Nacional de Pacificación destinados na comisaría de Neo Vigo. O responsable é un influencer que utiliza o seu enorme poder mediático para lanzar mensaxes de odio contra os tecnohumanos, o que aviva antigas hostilidades que proveñen da guerra, de cando os humanos tiveron que enfrontarse ao levantamento das máquinas. Agora eses tempos pasaron, pero hai algúns medios que non queren esquecerse e que fan todo o posible para volver enfrontar uns con outros.

Esta historia ten lugar nunha Galicia hipertecnificada, pero absolutamente real e recoñecible. Neo Vigo, Auria e Compostela son localizacións perfectas para as aventuras da inspectora N4rv43z, da División de Seguridade da Fundación Omnia, e non terás moitos problemas para recoñecer os lugares auténticos que percorre durante as súas indagacións. E tampouco para identificar aos moitos personaxes da mitoloxía galega: sereas, trasnos, xacios e nubeiros, entre outros. E aos da cultura popular: o Nautilus, o gólem, Talos e Laika, a perra cosmonauta.

Anímaste a descubrir as Terras de Poñente?

Se algunha vez gozaches das historias de William Gibson, Philip K. Dick, Katsuhiro Otomo, Masamune Shirow, Ramón Caride ou Robert E. Howard, creo que tamén pasarás moi bos momentos con este cyberpunk galego, que mereceu o I Premio Xosé Neira Vilas de Literatura Xuvenil e que está publicado por Editorial Galaxia.

Déixoche máis información sobre a novela nesta ligazón, que leva directamente á páxina web da editorial. E sobre o longo proceso de documentación poderás enterarte nesta serie de artigos.

De paso, encantaríame coñecer a túa opinión. A literatura debería ser unha forma de comunicación bidireccional, porque nada enriquece máis a un escritor que os comentarios dos seus lectores. Pídoche que dediques cinco minutos a deixar unhas palabras en redes sociais ou a través desta mesma páxina, para que poida saber o que opinas desta obra.

Aquí tes o que xa dixeron outros lectores:

• «Moi recomendable… encantoume. Vale moito a pena» (Montserrat Fontán).

• «Excelente literatura de parasol e praia… excelente autor Gabriel Romero de Ávila!!!» (Carlos Salgado).

• «Parabens a Gabriel Romero de Ávila pola súa novela Odio, premio Neira Vilas de Literatura Xuvenil» (Carlos Segovia).

• «Grazas por esta nova historia de aventuras que nos fará soñar con temidos robots nun Vigo futurista» (Verónica Estévez).

Isto non fixo máis que empezar. Queres vivir a aventura?