Galardoado co I Premio Xosé Neira Vilas de Literatura Xuvenil

Este mes recibín unha noticia estupenda: o xurado do I Premio Xosé Neira Vilas de Literatura Xuvenil decidiu por unanimidade concederme o galardón por unha novela que presentei co título de Odio e baixo o pseudónimo de Balboa. Foi unha alegría enorme, polo galardón, por quen está detrás e polo entusiasmo que notei nas voces do xurado cando me chamaron para darme a noticia. Estaba en Pontevedra cando souben o fallo do concurso e non mo podía crer. Aínda estou nunha nube, realmente.

É a primeira edición do Premio Xosé Neira Vilas de Literatura Xuvenil, que parte dun esforzo consensuado entre a Fundación Xosé Neira Vilas e a Editorial Galaxia, co apoio da Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia. É un orgullo tremendo que tódolos membros do xurado decidisen premiar a miña novela, que verá a luz con Galaxia. Síntome moi honrado por algo así.

Máis aínda polo feito de homenaxear a unha figura tan influente como Xosé Neira Vilas, iso é o máis valioso de todo para min. A dotación económica é moi de agradecer, por suposto, pero creo que, por encima diso, o que no futuro quedará deste premio é o recordo da figura dun autor tan crucial como Xosé Neira Vilas, en especial o seu traballo para o público infantil e xuvenil.

Neira Vilas viviu en primeira persoa a necesidade de marcharse da súa terra, pero sempre tivo o seu corazón mirando cara a Galicia, sobre todo acerca das cuestións sociais. O medio rural, os nenos, os emigrantes… Penso que este premio se resume niso: o valor da literatura dedicada ás persoas. E creo que é unha inquietude que herdamos outros escritores do presente, grazas ao seu labor.

Esta novela que agora resultou premiada é unha historia de pura ciencia ficción galega, que retoma as correntes do xénero en canto ao cyberpunk, a preocupación polos efectos do capitalismo, a soidade e o diñeiro como único valor no mundo. É unha homenaxe a Ramón Caride, Katsuhiro Otomo, William Gibson, Richard Morgan ou Philip K. Dick, piares básicos desta temática, e tamén a outros máis clásicos da novela de aventuras como Robert E. Howard ou Jules Verne. Trátase dunha novela negra futurista na que unha detective privada droide ten que investigar a morte duns axentes da lei en carreiras ilegais, e iso destapa a existencia de grandes poderes que se dedican a xerar odio contra a comunidade droide, a polarizar á sociedade en dous bandos ―humanos de verdade e sintéticos― e a obter beneficios económicos dese enfrontamento. Por desgraza, todo demasiado real. O odio cara ás persoas diferentes é un sentimento moi rendible para certos sectores e con frecuencia recórrese a el por encima da empatía ou o diálogo.

Apetéceche lela?

Falamos en xuño.