Documentándome: 6 características do xénero cyberpunk

En xullo sairá publicada con Editorial Galaxia a miña nova novela, Odio, gañadora do I Premio Xosé Neira Vilas de Literatura Xuvenil. Trátase dunha historia de acción e aventuras, con investigación policial polo medio, que sitúo nunha Galicia futurista e cyberpunk, un lugar duro e esperanzador ao mesmo tempo ao que todos coñecen como Terras de Poñente.

Pero que significa cyberpunk? A que se refire este termo, que engloba tanto a un xénero literario como a unha formulación artística xeneralizada?

O nome provén dun relato escrito por Bruce Bethke en 1980 e publicado tres anos despois na revista Amazing Stories. Trata sobre unha sociedade puramente tecnolóxica, un lugar no que a cibernética alcanzou niveis tan avanzados que a vida de toda a humanidade depende de ela e é o que marca a súa cultura. Esta idea emocionou ao editor e escritor de ciencia ficción Gardner Dozois, sobre todo desde a publicación en 1984 de Neuromante, a novela de William Gibson que revolucionou o xénero e se converteu en referencia absoluta desa nova corrente literaria. Dozois comezou falar de cyberpunk para denominar a esta nova tendencia e o nome triunfou. Desde entón, cada vez son máis as obras artísticas de distintas disciplinas que se poden englobar baixo ese paraugas e que, catro décadas despois, seguen gustando a lectores xerais e a críticos literarios.

Os elementos crave do cyberpunk son:

  1. Tecnocracia: A sociedade está marcada pola presenza constante de elementos tecnolóxicos, a todos os niveis económicos e para calquera acción. Os avances deixaron de ser produtos de luxo e xa non é posible entender a vida presente sen intelixencias artificiais e conexión a unha rede virtual que serve para comprar, vender, desprazarse ou gozar dos momentos de lecer.
  2. Realismo sucio: A tecnoloxía non trouxo a felicidade, como se esperaba, senón que máis ben aumentou as desigualdades sociais. O diñeiro e o poder son os tótems indiscutibles desta sociedade, o que determina o acceso a uns bens ou outros. Iso trae consigo a ostentación e o malgasto nun extremo, e a necesidade máis crúa no contrario, con frecuentes episodios de violencia.
  3. Elementos do xénero negro: Ese realismo móstrase xeralmente a través dos personaxes e ambientes propios da novela negra e o thriller de acción. Detectives, xornalistas, militares, mercenarios, ladróns e asasinos a soldo percorren escenarios sórdidos ou extremadamente luxosos, sen termos medios. Nesas circunstancias é cando máis se fai patente o efecto decisorio do diñeiro como piar da sociedade. Os personaxes vense abocados a un destino tráxico polo seu status social ―obrigación de participar nun golpe ou de aceptar unha investigación porque non lles queda máis remedio―.
  4. Contorna urbana: Esa despersonalización vese claramente nunha cidade opresiva que mestura coches voadores e robots de compañía con toneladas de lixo sen recoller, persoas que viven na rúa, mobiliario urbano que ninguén coida e violencia desatada en lugares públicos que as forzas da orde vense incapaces de frear ―ou directamente xa desistiron, como consecuencia dos recortes de persoal e medios―. As bandas repártense as rúas e non hai máis lei que a que elas escriben. Poucas veces móstranse contornas rurais neste tipo de historias, salvo para falar da escaseza de recursos naturais como consecuencia da explotación sen fin e a contaminación desmedida das grandes empresas.
  5. Desesperanza: O ton xeral é de poucas saídas. A sociedade meteuse nunha rúa cega e xa é imposible volver atrás, salvo para uns poucos, que son os privilexiados, os que non se preocupan por ninguén. Prímase o individualismo máis absoluto e a única maneira de saír adiante é forzar as cousas, aínda a risco de provocar un mal aínda maior ―asaltar un convoi fortemente armado, aceptar subornos―. Os valores son postos a proba continuamente e adoitan saír mal parados.
  6. Identificación: Non se trata, como podemos ver en todos estes elementos, dunha sociedade situada nun afastado futuro ou nun planeta de características diferentes. O cyberpunk utiliza sempre o recoñecemento do lector, que sente angustia pola identificación co protagonista e as súas situacións de vida, demasiado parecidas ás súas. A precariedade económica, a perda de valores e a sensación de ser xoguetes en mans de grandes poderes ricos é algo que podemos ver hoxe en día e que a literatura só leva ao extremo. Resulta lóxico que este xénero fose tan popular desde a súa creación, hai xa 40 anos.

Son moitas as obras que se encadran no xénero cyberpunk, pero basicamente podemos englobalas en dúas escolas principais:

  • Estados Unidos: William Gibson ―Triloxía do Ensanche, Johnny Mnemonic―, Philip K. Dick ―Soñan os androides con ovellas eléctricas?, Ubik―, Ridley Scott ―Blade Runner, baseada nos traballos do anterior―, Paul Verhoeven ―RoboCop―, as irmás Wachowski ―Triloxía Matrix― ou Richard Morgan ―Triloxía de Takeshi Kovacs―. Tamén pertence a este xénero a popular franquía Cyberpunk 2077.
  • Xapón: Katsuhiro Otomo ―Akira―, Masamune Shirow ―Appelsheed, Ghost in the Shell―, Yukito Kishiro ―Battle Angel Alita― ou Gen Urobuchi ―Psycho–Pass―.

O cyberpunk é un xénero en boga pola súa permanente actualidade e a súa maneira de escribir ciencia ficción como metáfora das desigualdades sociais. E ti que pensas destas obras?

Máis cyberpunk, cidades cheas de lixo e xente desamparada nesta ligazón.