
Xa está en tódalas librerías Odio, a miña nova novela, unha historia de ciencia ficción —ou ficción científica, como defenden Jorge Emilio Bóveda e Ramón Caride— que trata principalmente sobre a coexistencia entre humanos e droides nunha Galicia futurista.
Pero de onde nos vén o gusto polas historias de robots? Que nos chama tanto destas narracións especulativas acerca de autómatas que se rebelan contra os seus creadores ou os salvan ou queren ser humanos e non saben como?
A ciencia ficción é o xénero literario que manexa elementos e situacións que non existen no mundo real, pero que poderían chegar a existir segundo as leis da ciencia. Xa escribín acerca desa distinción neste artigo. Gústame moito tamén a definición de Isabel Mociño González no seu traballo de doutoramento Estudo comparado da narrativa infantil de ciencia ficción nas literaturas galega e portuguesa —que aparece citada no libro A xanela insólita, de Jorge Emilio Bóveda—, segundo a cal a ciencia ficción sería «o corpus de textos en prosa de carácter especulativo que recrean posíbeis respostas humanas aos cambios producidos pola ciencia e tecnoloxía». É dicir, a clave desta literatura é empregar os avances como xustificación para mostrar as reaccións dos humanos. Os lectores aproxímanse ao xénero polas naves e os robots, pero quedan polos personaxes e as emocións que mostran.
Ademais, ao tratar de elementos ou situacións que poderían chegar a existir, a caracterización depende da maneira en que se prevexa o futuro en cada tempo. As imaxes, os medos ou as esperanzas da sociedade non tiñan nada que ver na época de Mary Shelley, na de Edmond Hamilton, na de Michael Crichton ou na de Richard Morgan, e a súa obra responde en cada caso ao que están a vivir e o que poidan imaxinar do futuro.
O robot é, segundo o Dicionario da Real Academia Galega, «un aparello electrónico con capacidade para substituír ó home na execución dalgún traballo, particularmente manual, xa que pode executar automaticamente operacións e realizar diversos movementos». É dicir, un ser artificial creado cun propósito. E hai catro robots que podemos sinalar como os máis antigos da historia da literatura, os que fixeron posibles a tódolos demais —e os catro proveñen da mitoloxía grega—:

1. Pandora, a primeira muller.
Segundo a Teogonía, de Hesíodo, Prometeo regaláralles aos primeiros mortais unha chama proveniente do lume dos deuses e iso enfurecera a Zeus, que, en resposta, decidiu entregarlles tamén tódolos vicios que caiban na imaxinación. E, para levarllos desde o Olimpo, pediulle a Hefestos, deus da forxa, que crease a unha muller artificial á que tódolos homes adorasen. Fíxoa de barro e insufloulle vida, e logo puxo nas súas mans unha ánfora pechada onde ía o agasallo. Prometeo non picou o anzol, pero si o seu irmán, Epimeteo, o que fixo posible que a humanidade padecese fame, guerra, enfermidades e moitos outros males parecidos. Como único alivio, Pandora pechou a tempo a vasilla e gardou para sempre a esperanza.

2. Talos, o gardián de bronce.
Zeus, sempre dado ao amor, decidiu converterse en touro e raptou a unha princesa fenicia chamada Europa, afastouna da súa terra e proclamouna raíña de Creta como consorte de Asterión. Despois tivo tres fillos con ela: Minos, Radamantis e Sarpedón. Como forma de congraciarse, o rei do Olimpo fíxolle varios agasallos a Europa: un can chamado Lélape que nunca perdía á súa presa, unha xavelina que nunca erraba o tiro e dous obxectos de bronce que forxara Hefestos, un fermoso colar e un xigantesco autómata guerreiro chamado Talos. Os cretenses recibiron este último con gran alegría, xa que deste xeito poderían protexerse do asalto dos piratas e invasores estranxeiros. Talos converteuse no gardián perfecto para a illa, xa que nunca descansaba, lanzaba enormes pedras aos barcos que se achegasen e, nas raras ocasións nas que lograban o desembarco, el se introducía no volcán que había entón en Creta, acendía o seu corpo e abrazaba aos estranxeiros ata matalos.
Esta situación mantívose ata a chegada de Xasón e os argonautas, cos que viaxaba a bruxa Medea. Esta empregou a súa maxia para obrigar a que Talos namorase dela e se quitase voluntariamente un cravo que levaba no talón, e que servía como peche de todo o seu sistema arterial. Isto fixo que se derramase o icor, o sangue dos deuses, que fluía polo interior de Talos, e entón o gardián morreu e os argonautas puideron desembarcar na illa. Quizais Hefestos podería reparalo, pero tampouco llo pediu ninguén e o autómata quedou alí abandonado para sempre.

3 e 4. As Doncelas Douradas
En vista do éxito que tivera ata entón coa fabricación de seres mecánicos, o deus da fragua decidiu crear dúas axudantes para a súa casa e o seu traballo. Eran dúas mulleres novas feitas de ouro que falaban, cantaban e realizaban tarefas no fogar e o taller, grazas sobre todo á enorme forza e a intelixencia coas que as dotara. Non tiñan nome individual e non se soubo máis delas despois desta historia.

Queda claro o gusto que xa tiñan os gregos polas historias de robots, e que logo deron pé a todo un xénero específico da literatura. A idea de contar con axudas artificiais que liberen aos humanos da necesidade de realizar traballos físicos é moi antiga e de aí xurdiron inventos tan valiosos como o carro, o arado, a roda, o muíño e tantos outros. Que eses inventos cobren vida propia e nos falen só é outro paso da fantasía de crear.
Máis historias de robots, deuses, humanos e tolemias que cobran vida nesta ligazón.
