Documentándome: O pasado de Jules Verne

Sempre lemos acerca da enorme influencia que tivo Jules Verne sobre a literatura de décadas sucesivas —considerado, xunto a H. G. Wells, como o pai da ciencia ficción— e sobre o desenvolvemento tecnolóxico ao longo do século XX —con inventos que el xa adiantou nas súas obras—, pero poucas veces se fala do pasado do autor e como este influíu na súa vida adulta ata o punto de facer que abandonase unha prometedora carreira como avogado para dedicarse de cheo á literatura.

Sabemos que Verne admiraba o traballo de Charles Dickens e Edgar Allan Poe —sobre todo pola maneira sorprendentemente realista coa que ambos narraban— e, igual que eles, foi fillo literario do folletín de aventuras, creación típica dese tempo en que as grandes masas aumentaran as súas cifras de alfabetización e reclamaban historias emocionantes para evadirse do día a día. Notables autores do seu tempo como Dumas, Hugo, Dickens e tamén William Wilkie Collins ou Robert Louis Stevenson cultivaron a narración por entregas, xeralmente con tramas emocionantes que enganchaban ao lector, e que á súa vez herdaran de novelas de aventuras clásicas naquel entón, como eran as de Walter Scott ou Daniel Defoe. O gran mérito de Verne consistiu en absorber todos eses fitos literarios e mesturalos con algo novo: a investigación científica tan avanzada de finais do século XIX, que el quixo transmitir a esa enorme cantidade de lectores que tiña.

Pero de onde xurdiu ese propósito? Por que un raparigo cun prometedor futuro na avogacía puido ter a ilusión de dedicarse ás letras? Que hai no seu pasado que o xustifique?

En 1863 apareceu publicada Cinco semanas en globo, unha obra que revolucionou o mercado literario francés por achegar elementos novos ao tradicional xénero de aventuras: unha tremenda verosimilitude para a época, unha descrición pormenorizada duns territorios entón non moi ben coñecidos e a aplicación dun enxeño científico punteiro, ademais do feito de que a principal motivación dos protagonistas era o nobre desexo de ampliar o coñecemento humano. Estas características da obra marabillaron aos críticos e fixeron que arrasase en vendas, o que levou ao seu editor, Pierre–Jules Hetzel, a ofrecer un contrato estable a ese autor novo e decidido a achegar ao mundo a súa visión fresca, innovadora e complexa á vez. En concreto, Hetzel ofreceu a Verne un oco en Le Magazin d´éducation et de récréation, unha revista da súa autoría que tiña por obxectivo o divertimento de toda a familia e, de paso, unha formación algo máis profunda en temas científicos, xeográficos, etnográficos, etc. Desde unha perspectiva laica e evitando narracións escabrosas, a publicación daba a posibilidade, mediante subscrición, de recibir un exemplar cada quince días e un álbum cada semestre, ademais de anunciar reedicións das obras máis populares a final de ano, con vista a que servisen como agasallo de Nadal. Desta maneira foi como chegaron ao público case todas as obras de Jules Verne —na serie chamada Viaxes extraordinarias—, igual que as doutros xenios do seu tempo, como Henry Rider Haggard, e acompañadas de fermosos gravados que facilitaban a lectura aos nenos —salvo nas edicións máis económicas—. En 1867, Le Magazin recibiu o Premio Montyon da Academia Francesa polo seu compromiso coa difusión do coñecemento.

Así, Verne puido desenvolver un estilo propio, que era o que máis lle agradaba, e que consistía en cultivar o xénero de aventuras como un medio para que o público xeral descubrise lugares novos —África en Cinco semanas en globo, o Polo norte en As aventuras do capitán Hatteras, os distintos océanos en Vinte mil leguas de viaxe submarina ou Rusia en Miguel Strogoff—, que nas súas historias se vían sometidos polo tremendo desenvolvemento da investigación científica, con creacións das que ata ese momento poucos oíran falar —o globo aerostático na súa primeira obra publicada ou o submarino en Vinte mil leguas—. E sempre cunha linguaxe próxima e unha clara intención divulgadora, rompendo coa idea de que o coñecemento se mantivese constrinxido nuns círculos elitistas, senón crendo firmemente en que unha maior cultura xeral redundaría nun avance para toda a sociedade no seu conxunto.

Jules Gabriel Verne naceu en 1828 no frutífero porto de Nantes, que por entón contaba cunha poboación dunhas noventa mil persoas e alcanzara, desde o século anterior, unha importancia capital no intercambio de mercadorías por barco, e tamén como punto de partida para exploracións marítimas. O comezo do século XIX vería o descenso da venda de escravos, sobre todo debido aos movementos políticos en contra, e o auxe das industrias do vapor, que daría nacemento ás grandes máquinas. En concreto, Verne chegou ao mundo na illa Feydeau, un espazo separado de Nantes, xunto ao río Loira, onde a burguesía local, moita dela enriquecida a base da trata de persoas, levantara grandes mansións durante o século XVIII. Actualmente este lugar integrouse por completo na cidade de Nantes, sobre todo a partir das obras que encheron o leito do río nos anos trinta do século XX, e que gañaron amplos terreos para o seu uso urbano, pero a especial natureza da illa permanece inalterada, con esas fastosas propiedades en pleno centro do barrio portuario.

O futuro escritor pertencía a unha longa liñaxe de burgueses de orixe lionesa, moitos deles avogados. O seu pai, Pierre Verne, foi un católico escrupuloso, honesto, severo coas normas da familia e cultivador, en privado, da poesía e a música. Escribiu numerosos poemas cos que nunca pretendeu facer carreira literaria, e que xeralmente compoñía en honra a algúns membros da familia ou en acontecementos especiais. A súa nai, Sophie Allotte, proviña dunha familia de navegantes que se estableceron naquel porto un século atrás, e que contaban na súa árbore xenealóxica cun seteiro escocés que emigrara a Francia ao redor de 1462. Esta herdanza tan pouco común era moi do agrado dos Allotte, de feito cóntase que foi unha das historias que rememoraron os maiores durante o bautizo de Verne. Sophie era unha gran amante da música e tocaba o piano con asiduidade, ademais de caracterizarse por unha gran imaxinación e un espírito aventureiro que herdara da súa familia.

Por tanto, podemos afirmar que a primeira influencia literaria de Jules Verne, e posiblemente a máis decisiva, foron os seus pais. De non ser pola súa posición económica desafogada, o raparigo non podería dedicar os seus primeiros anos á lectura e ao descubrimento do mundo, no canto de acabar traballando nas fábricas a moi curta idade ou vagabundeando polas rúas, como reflectiu Charles Dickens en moitas das súas novelas. De non ser pola imaxinación da súa nai e polo gusto de ambos polas artes, el non interiorizaría esa posibilidade na súa vida e nunca querería seguir os seus pasos —sabemos que o primeiro que cultivou Verne foi a poesía, con breves creacións dedicadas ao seu núcleo familiar e que lía en alto durante algunhas festas, exactamente igual que o seu pai—. Pero, ademais, de non ser pola mentalidade estrita, seria e metódica que lle inculcaron, sen dúbida as obras do autor non se caracterizarían por esa procura do coñecemento en enfrontamento limpo, por eses personaxes dunha nobreza digna de eloxio e por esas estruturas narrativas simples que non pretendían enganar ao lector, senón acompañalo de forma honesta. E, tamén é xusto mencionalo, por esa carencia de sensualidade e de temas truculentos, que eran máis propios das publicacións dedicadas ás clases baixas, do tipo dos penny dreadful.

Só ano e medio despois do primoxénito, chegou ao mundo Pierre Paul Verne, o seu irmán, co que sempre mantivo unha relación moi estreita. A súa idade tan parecida, e tan afastada da das súas tres irmás pequenas —nadas en 1837, 39 e 42—, fixo que os maiores se convertesen en centro da existencia familiar e gozasen dunha liberdade enorme. A súa infancia transcorreu nese ambiente claramente mariñeiro, onde podían atopar navegantes que chegaban de paraxes remotas e se dirixían a calquera recuncho de Francia, de maneira que esas historias constituíron a súa primeira forma de viaxar. Ao mesmo tempo, dispuxeron de tempo libre para xogar a ser navegantes, sobre todo a partir de 1840, cando o seu pai comprou unha formidable casa de campo en Chantenay, a tres quilómetros de Nantes, un lugar o bastante apartado e co espazo aberto necesario para que a familia gozase da natureza, pero tamén cunhas impresionantes vistas do Loira que animarían as súas travesías imaxinarias en busca do mar. Contan que, nalgunhas ocasións, procuraron fuxirse da vixilancia paterna e se coaron nunha das tabernas do porto para escoitar historias sobre travesías, tormentas e monstros mariños. Os dous nenos compartiron aventuras de fantasía que, sen dúbida, marcaron o seu futuro. Proba diso é o feito de que Pierre Paul se converteu cos anos en mariño profesional, levando así a cabo os soños que tiveran ambos e que ao maior non lle deixaron cumprir. Moitas desas primeiras experiencias co mar e as súas ilusións de futuro apareceron reflectidas máis tarde nas Viaxes extraordinarias, como podemos ver en Un capitán de quince anos —tamén o tema do colonialismo europeo en África, que sen dúbida coñecera de primeira man pola súa época en Nantes—.

Aos seis anos, Verne entrou a estudar na escola da señora Sabin, cuxa formación estaba destinada aos herdeiros da burguesía local. Pierre Verne, como persoa instruída e con bos contactos nos círculos culturais do seu tempo, buscaba a mellor instrución posible para os seus fillos, sobre todo para o primeiro, do que esperaba que seguise os seus pasos. Pero, ademais, a señora Sabin era a viúva dun capitán de navío que desaparecera en alta mar facía máis de tres décadas, e do que aínda esperaba recibir noticias. Entre clase e clase, a profesora adoitaba contar historias acerca dese mariño naufragado e de como ela pensaba que faría para sobrevivir durante tanto tempo sen poder volver a casa. Por aquel entón xa se cumprira máis dun século desde a publicación de Robinson Crusoe, a inmortal novela de Daniel Defoe, que non só deu pé a un subxénero propio dentro da novela de aventuras —as chamadas robinsonadas—, senón que ademais calou na sociedade europea dun modo profundo. Se o mariño de York pasara vinte e oito anos nunha illa case deserta na desembocadura do Orinoco, quizá a desaparición do capitán Sabin durante só dous anos máis non era motivo para a desesperanza, cría a súa esposa.

A obra do máis coñecido náufrago da historia tamén produciu unha gran influencia no mozo Verne, que a leu de neno e gozou das súas peripecias, e logo as utilizaría para as súas propias obras, como en A illa misteriosa, Os fillos do capitán Grant e Escola de robinsones. Con todo, non foi Robinson Crusoe a novela predilecta do autor nese subxénero tan particular, senón O Robinson suízo, do pastor Johann David Wyss, que atopaba moito máis divertida e que el mesmo quixo continuar anos despois con Segunda patria. Verne declarou sempre cales foran os seus autores preferidos, e en catro ocasiones aventurouse a remedar ou continuar aquelas historias que lle marcaban: en Escola de robinsones parodia a obra orixinal de Defoe; en Matías Sandorf homenaxea a O conde de Montecristo, de Alexandre Dumas; en A esfinge dos xeos continúa A narración de Arthur Gordon Pym, de Edgar Allan Poe; e o que xa vimos con Segunda patria.

Porque Verne foi desde neno un lector voraz, apaixonado das historias de Walter Scott, Robert Louis Stevenson, James Fenimore Cooper, E. T. A. Hoffmann, Víctor Hugo ou Charles Dickens. Deles aprendeu o valor da novela histórica para contar feitos do presente, dos lugares imposibles de colonizar e os pioneiros que se aventuraban a conseguilo, do valor da fantasía para transmitir realismo e tamén do propio realismo á hora de sentar a escribir. Anos despois, o autor confesou que volvía con certa frecuencia a esas lecturas de nenez e que, mentres de pequeno se limitaba a deixarse marabillar pola ilusión da aventura, de adulto aprendeu moito sobre técnica narrativa, máis aínda tendo en conta que o seu público obxectivo eran nenos de enorme imaxinación, como fora el mesmo.

Así, sabemos que a familia Verne estaba subscrita a Journal des enfants, unha publicación para lectores infantís moi similar a esa na que publicaría as súas grandes obras. Por medio dela, puido achegarse desde unha idade moi curta a uns textos que ampliaron os seus soños de futuro e que, de paso, lle deron unha bagaxe literaria moi importante. Era a época das historias por entregas, que aparecían de maneira periódica en diversas publicacións. Desde os tempos da Revolución Francesa e o ascenso dunha burguesía podente, as cifras de alfabetización aumentaran de forma espectacular en toda Europa, o que xerara unha gran masa de lectores ávidos de novos produtos. Os xornais empezaron a incluír breves folletíns con narracións que seguían dun día para outro, ou de modo semanal, quincenal, etc. A súa temática era xeralmente simple, con historias de amor, suspense, crimes ou aventuras. A fórmula tivo un éxito enorme que permitiu ensaiar formatos distintos. Xurdiron revistas especializadas nestes chamados folletíns, e ás que foron a parar escritores que pronto demostraron ser moi do gusto do público e merecer unhas edicións máis caras. Alexandre Dumas, Víctor Hugo, Gustave Flaubert, Robert Louis Stevenson, Charles Dickens ou William Wilkie Collins fixéronse moi populares grazas a este formato tan concreto, do que máis tarde chegaron a despegarse con publicacións xa en forma de libro.

Con todo, gran parte da produción de folletíns dedicábase a temas truculentos que só buscaban espertar o morbo, como nos famosos penny dreadful ou as dime novels. Os sectores máis deprimidos da sociedade aprenderan a ler e escribir, pero as súas condicións económicas eran terribles nalgúns casos, sobre todo a partir da Revolución Industrial, e moitas editoras non se preocupaban máis que de entreter de calquera forma a un público encantado de recibir a súa dose periodicamente. Verne, en cambio, foi un dos autores que se preocuparon de transmitir cultura á poboación, e que non quixo limitarse a producir aventuras banais para divertimento xeral, senón que, desde Cinco semanas en globo, pero sobre todo desde o momento en que empezou a escribir para Le Magazin d´éducation et de récréation, encheu os seus escritos de xeografía, historia, botánica, etnografía e moitas disciplinas máis do saber. El nunca quixo ser outra pluma máis de penny dreadful, senón un autor verdadeiramente comprometido coa súa xente e co avance da sociedade no seu conxunto.

E fíxoo na época, precisamente, de maior avance tecnolóxico. O século XIX albergou un enorme crecemento da industria —como xa vimos, con frecuencia á conta das malas condicións de vida dos seus traballadores—, que posibilitou a invención de aparellos nunca vistos. O barco de vapor, a locomotora, o globo aerostático e o submarino chegaron neste tempo, o que marabillou a un autor que sempre tivo os pés na terra. E iso tamén o aprendeu na infancia.

Verne contou que durante a súa nenez non había barcos de vapor e por iso a imaxe que sempre lembrou do Loira era a dos veleiros, algúns deles portentosos. Con todo, cando el contaba dez anos, o seu pai adquiriu unha propiedade en Chantenay, nos arredores de Nantes, unha preciosa casa de campo moi do gusto daqueles padais refinados da puxante burguesía francesa. A leira incluía unha gran mansión e uns amplos xardíns onde a familia Verne, constituída xa por cinco fillos, pasaría seis meses ao ano. As pequenas poderían así moverse con liberdade e os maiores gustaban de recibir aos fillos doutras familias importantes da zona, cos que xogaban, corrían e mesmo disparaban os seus primeiros tiros, para horror das nenas.

A área de Chantenay estaba unida con Nantes por unha dilixencia que cada día tomaba Pierre Verne para acudir ao seu traballo como avogado, e que pasaba pola zona industrial de Indret–sur–Loire, onde se alzaban as fábricas que producían motores de vapor para a Mariña. Foi este o primeiro contacto da familia co aspecto real que tiña a evolución, e que marcou en gran medida aos dous fillos maiores. Afeitos como estaban a un mundo de veleiros, mariños e historias de taberna, chocáronse de súpeto coa aparición tan recente da máquina de vapor, que cambiou a súa vida igual que terminou por cambiar o mundo. O que sería o gran autor de ficción científica quedaba abraiado coa imaxe das enormes plantas de produción, que lle parecían elementos marabillosos, e das que aprendeu que o enxeño humano podía dedicarse ao progreso común ou á destrución doutros seres, que a ciencia podía conseguir fitos prodixiosos ou horrores innomeables, e que estaba en mans de cada un decidilo.

En resumo, os formidables logros literarios de Jules Verne poden resumirse na súa tremenda vontade de compartir os coñecementos que el puidera adquirir ao longo dos anos, e que cría firmemente que podían beneficiar a todos. Esa vontade podemos atopala implícita naquelas persoas que o criaron de neno e no exemplo persoal que lle deron: nos seus pais cando escribían poesía e compoñían música con el, no seu irmán cando o acompañaba nas súas aventuras fantásticas, na señora Sabin cando lle falaba do naufraxio do seu esposo, e en todos os autores que, antes que el, procuraron alargar a imaxinación dos nenos co único e fermoso fin de desenvolvelos. Sen todos eses esforzos desinteresados, Verne sería un adulto completamente distinto e quizá non faría tantos esforzos por causar nos nenos de tempos vindeiros a fonda influencia que provocaran nel.

Máis autores, pasados descoñecidos e historia da ficción científica nesta ligazón.