O discurso de Mon Mothma

Este ano emitiuse a segunda tempada da serie Andor, que completa e pecha a trama da primeira e conecta cos feitos da película Rogue One, precuela á súa vez da triloxía orixinal ―Unha nova esperanza, O Imperio contraataca e O retorno do jedi―. A pesar de que esta serie conta cun protagonista claro, que é quen lle dá título, existe outra personaxe que lle rouba moita importancia en canto a minutos, tramas e conflitos, ata o punto de que ben poderiamos considerala coprotagonista: trátase de Mon Mothma, a senadora de Chandrila.

E isto ten sentido porque as dúas tempadas de Andor contan os feitos sucedidos nun período de tempo moi particular dentro do universo de Star Wars: o da formación da Alianza Rebelde e o desenvolvemento progresivo dun poder militar cada vez maior, ata o punto de poder alzarse en armas contra o Imperio Galáctico na que sería a decisiva batalla de Yavin ―vista en Unha nova esperanza―. E fano con dous puntos de vista moi diferentes: o refuxiado e futuro espía Cassian Andor e a senadora rebelde Mon Mothma, cada cal nun punto contrario da sociedade pero ambos finalmente implicados na causa da Alianza, con perdas e traumas emocionais graves, e decididos a que o Imperio finalmente caia.

Mothma provén dunha familia rica chandrilana e alcanzou o honroso cargo de representante do seu mundo natal ante o Senado Galáctico. Xa estaba alí nos últimos días da República, cando formou parte da chamada Delegación dos 2000, un grupo de senadores preocupados polo acaparamiento de poderes públicos que estaba a levar a cabo o Chanceler Supremo Palpatine e que, ao termo das Guerras Clon, asinou unha petición para que este os devolvese á Cámara. Entre os membros deste primeiro conato de rebelión atopábanse Mothma, Bail Organa e Padmé Amidala, e vemos como os dous primeiros permaneceron no Senado durante os vinte anos que durou o Imperio Galáctico, procurando conservar algúns dos órganos democráticos que aínda pervivían.

No capítulo noveno da segunda tempada de Andor ten lugar un momento decisivo da historia de Star Wars: o discurso de Mon Mothma ante o Senado Galáctico. É a súa reacción ante a horrible matanza perpetrada polas forzas imperiais no planeta Ghorman, onde a procura dun mineral especialmente raro levou á Oficina de Seguridade Imperial a instigar unha rebelión local que xustificase a intervención completa por parte dos stormtroopers. A insurrección ghormana recibira fondos e armamento que proviñan de axentes dobres do Imperio, cuxo único fin era proporcionar unha escusa aos altos mandos para tomar ese mundo pola forza. E de aí veu o golpe de efecto na praza central de Palmo, cun horrible masacre que os medios converteron nunha reivindicación do control absoluto en aras da seguridade dos cidadáns. A perda da liberdade como un mal necesario nunha época inestable, un sacrificio menor ante o beneficio de seguir vivo.

E todo o Senado apláudeo en masa, en parte por medo ás represalias do Emperador e en parte por intereses persoais de medrar nos despachos de Coruscant, onde a lealdade se premia de forma marabillosa. E así é como se condena a toda unha galaxia, porque, como dicía Edmund Burke, «Para que o mal triunfe, só é necesario que os homes bos non fagan nada». E iso esténdese da mesma maneira a todas as especies do universo de Star Wars.

Por iso o discurso de Mon Mothma resulta especialmente valioso, porque di a verdade cando todos os medios aceptan a mentira entusiasmados, e porque se rebela contra a autoridade cando esta actúa de forma corrupta. E, máis importante aínda, porque sabe que pon en risco a súa vida e o seu futuro, de feito a partir dese día Mothma vese obrigada a abandonar a capital do Imperio e, grazas a Cassian Andor, logra refuxiarse en Yavin 4, a base secreta da Alianza Rebelde, e a súa vida cambia por completo. Para ela persoalmente sería moito máis cómodo manterse no seu sitio, acatar as ordes e aplaudir cando llo mandaban, pero entón non sería a líder que necesitaba a galaxia nin a panca fundamental que fixo cambalear ao Imperio.

E todo iso reflíctese nas palabras que pronunciou no Senado Galáctico, cando todo o tiña en contra. Un discurso que ao final marcou a historia da galaxia:

«Senadores, amigos, colegas, aliados, adversarios. Preséntome ante vós esta mañá co corazón encolleito. Pasei a miña vida nesta cámara. Vin aquí sendo unha nena. E agora, ao mirar ao meu redor, doume conta de que case non teño recordos anteriores á miña chegada e poucos lazos afectivos tan fortes.

Durante todos estes anos, creo que servín aos meus electores con honra e mantiven o noso código de conduta. Esta cámara é un fervedoiro de opinións e, sen dúbida, todos puxemos a proba a nosa paciencia e o noso temperamento na procura dos nosos ideais. Por moito que discrepemos, espero que aqueles de vós que me coñecedes poidades dar fe da miña credibilidade nos días vindeiros.

Preséntome esta mañá cunha mensaxe difícil. Creo que estamos en crise. A distancia entre o que se di e o que se sabe que é verdade converteuse nun abismo. De todas as cousas que están en risco, a perda dunha realidade obxectiva é quizais a máis perigosa. A morte da verdade é a vitoria definitiva do mal. Cando a verdade nos abandona, cando a deixamos escapar, cando nola arrincan das mans, volvémonos vulnerables ao apetito de calquera monstro que grite máis forte.

Esta Cámara perdeu finalmente a súa agarre sobre a verdade na Praza Ghorman. O que ocorreu onte… o que pasou onte en Ghorman foi un xenocidio sen provocación! Si! Xenocidio! E esa verdade foi desterrada desta cámara!

E o monstro que grita máis forte? O monstro que axudamos a crear? O monstro que virá por todos nós moi pronto é o Emperador Palpatine!».

Máis discursos, rebeldes e alianzas pola liberdade nesta ligazón.