
Hoxe, 8 de febreiro, cumpriría anos Jules Verne, un dos escritores máis influentes da historia e o segundo traducido a máis linguas, unicamente superado por Agatha Christie. O seu legado traspasa as épocas e os lugares, convertido xa nun piar básico do xénero de aventuras xunto a Robert Louis Stevenson, Emilio Salgari ou Henry Rider Haggard. O seu labor resultou decisivo para alimentar o hábito lector en todas as xeracións de nenos, sen importar o seu idioma, costumes ou cultura. Personaxes como Phileas Fogg ou o capitán Nemo volvéronse parte da sociedade xeral e permean os países e os tempos para conformar un mundo único e devoto de Verne. A lección final é que a literatura pode chegar a ser máis forte que as guerras, os odios e as diferenzas entre persoas, aínda que ás veces nos fraquee a esperanza.

Ler a Verne implica soñar que a ciencia pode derrotar ás forzas caóticas da natureza e á maldade dos humanos. Por iso a Sociedade Hispánica Jules Verne convoca desde hai uns anos os Días de Ler a Verne, que se corresponden coa celebración do aniversario do autor, un día antes e outro despois. O seu propósito é fomentar a lectura destas obras marabillosas e o debate acerca dos logros de Verne, a súa importancia radical na historia da ciencia e o seu papel como patriarca da ficción especulativa.
Jules Gabriel Verne naceu en Nantes o 8 de febreiro de 1828 e por iso xusto hoxe tería 198 anos. En 2028 cumpriranse dous séculos e terá lugar en Vigo o Congreso Internacional Verniano. É dicir, todo o planeta estará mirando á cidade olívica e falando de aventuras, libros, viaxes e historias para lembrar.
E ti que obra elixes nestes Días de Ler a Verne?
Más ficción tecnolóxica e novelas apaixonantes nesta ligazón.
