Arrincan os preparativos para o V Congreso Internacional Jules Verne en Vigo

Sabías que o segundo escritor máis lido da historia da humanidade estivo dúas veces na cidade de Vigo, foi recibido polas autoridades locais e sempre falou marabillas da súa costa e da historia que albergaba? E sabes que dentro de dous anos se vai celebrar en Vigo un congreso internacional sobre a figura deste autor e que as eminencias máis salientables nese campo van estar presentes durante uns días?

Este ano tiven a enorme fortuna e responsabilidade de entrar a formar parte da Xunta Directiva da Sociedade Jules Verne de Vigo, filial da Sociedad Hispánica Jules Verne e unha das asociacións máis dinámicas e interesantes que pode haber. E, dentro de dous anos, van ser estas dúas as que organicen o V Congreso Internacional Verniano, un encontro de científicos, autores e expertos na materia, que poderán xuntarse e debater acerca do segundo autor máis soado da historia —só Agatha Christie o supera— e o legado da súa obra. En dúas ocasións estivo Jules Verne na cidade de Vigo, unha por accidente —debido a un fallo no motor do seu iate, o Saint Michel III, que fixo que tivese que buscar porto— e outra por gusto, pero para entón xa lle dedicara á ría de Vigo a súa novela máis famosa, a que acode á mente de calquera ao oír o nome deste autor: 20.000 leguas de viaxe submarina.

Quen, en todo o planeta, non coñece ao capitán Nemo, inventor do primeiro somerxible da historia e pirata dos sete mares, con especial fixación en navíos do Imperio británico, ao que se enfronta? Quen non sente empatía pola súa traxedia e admiración polo seu xenio científico? Pois, igual que o seu creador, Nemo tamén era un gran admirador de Vigo e visitante habitual das súas augas, en concreto dos galeóns de Rande e do seu enorme tesouro, fonte principal de riquezas para o imperio submarino deste navegante e explorador. Verne tivera noticia dos primeiros intentos de recuperación dos pecios e ideou unha novela ao redor desa posibilidade, unha obra que se converteu en universal e infinita.

Esta semana, a Xunta Directiva da Sociedade Jules Verne de Vigo entrevistouse co alcalde da cidade, Abel Caballero, para iniciar os preparativos do estupendo congreso verniano que nos agarda en 2028. Dous anos de falar con autoridades, preparar eventos e ofrecer ao mundo a mellor oferta lúdica e literaria.

E ti, que quererías ver nun encontro deste tipo?

Máis vernianos e aventuras no mar nesta ligazón.