Historias asombrosas da vida real: As casas de pedra de Matera e a Cripta do Peccato Originale

Matera é unha pequena cidade do sur de Italia que actualmente alberga a uns sesenta mil habitantes. A súa sorprendente particularidade é o feito de estar habitada, case de forma ininterrompida, desde o Paleolítico. Os Sassi di Matera, o elemento máis distintivo da súa fisionomía e que lle valeu para ser nomeada Patrimonio da Humanidade, consisten nunhas ancestrais vivendas escavadas na roca calcaria, que constitúen os primeiros asentamentos coñecidos en Italia. Estas grutas están cheas de segredos, pinturas rupestres e restos arqueolóxicos de épocas moi diversas. Non en balde case todas as culturas humanas pasaron por alí: romanos, lombardos, sarracenos, normandos, aragoneses, tamén os poderosos Orsini, José Bonaparte e incluso os nazis. De feito o nome da cidade débese ao de Quinto Cecilio Metelo, o Numídico (que gañou o alcume ao ser recoñecido polo Senado de Roma polas súas vitorias en Numidia fronte a Yugurta).

Os Sassi chamaron a atención do mundo occidental desde hai longo tempo, pero obtiveron nova fama durante o século XX, atraendo a numerosos cineastas, entre eles Mel Gibson, que rodou alí a súa película A paixón de Cristo.

Pero, se estas grutas xa poderían parecernos interesantes, a máis curiosa de todas é a chamada Cripta do Peccato Originale, un espazo subterráneo tan cheo de pinturas que lle outorgaron o sobrenome de A Capela Sixtina da arte rupestre. Fogar durante o século IX da nosa era de monxes benedictinos provenientes do este de Europa e Asia Menor, aos que se considera autores das pinturas, a cripta gardou os seus segredos durante séculos na máis completa escuridade, ata que foi descuberta en 1963, posteriormente estudada durante os anos 80 e declarada Patrimonio da Humanidade en 1993. En 2005 foi aberta ao público, e en 2016 reinaugurada tras unha importante restauración.

A Cripta do Peccato Originale, tamén denominada Cova dos Cen Santos, mostra nas súas paredes algúns dos máis antigos e belos exemplos da arte cristiá, chea como está de frescos que representan aos Apóstolos, aos Arcanxos, á Virxe María, ao Neno Jesús, a Creación do Home —setecentos anos antes de que o fixese Miguel Anxo— ou o que lle dá nome, a imaxe de Adán e Eva comendo o froito da Árbore do Coñecemento, o que lles leva a descubrir que están espidos e ser expulsados do Paraíso.

Curiosamente, en Matera o «froito prohibido» non está representado como unha mazá, senón como un figo, xa que a idea de que ese froito fose unha mazá non estaba tan clara como hoxe en día. No Xénese tan só se fala dun «froito» da Árbore do Coñecemento do Ben e do Mal, sen especificar de que froito se trataba, polo que as representacións foron variando ao longo das épocas. Distintas teorías sosteñen que o feito de identificalo coa mazá alude ao compoñente erótico da historia —Eva tenta a Adán, en forma de froito prohibido—, xa que as mazás tiñan importantes connotacións eróticas no mundo antigo e eran utilizadas en diversos rituais por todo o mundo —lembremos os mitos do Xuízo de Paris, o Xardín das Hespérides ou as mazás douradas de Idun, que garantían a inmortalidade dos deuses nórdicos—. Tamén se cre que podería ter que ver cun xogo de palabras entre «mazá» e «mal», en canto a que a humanidade coñeceu o Mal a través dese froito. E algúns sosteñen que só foi un erro de tradución ao escribir a Vulgata.

Pola súa banda, as serpes no mundo antigo eran consideradas animais máxicos capaces de desafiar á morte, por aquilo de mudar a súa pel, e iso fixo que Asclepio, o deus da Medicina, levase unha serpe enrolada no seu báculo, como símbolo. Algo parecido nárrase no mito hindú da serpe kundalini.

Estes e moitos segredos máis atópanse na Cripta do Peccato Originale, fogar de ritos arcanos, ordes monásticas esquecidas e mitoloxías perdidas nas néboas confusas da Alta Idade Media. Os expertos afirman que aínda queda moito por descubrir daqueles tempos e, mentres, os turistas percorren unhas grutas que levaban demasiado tempo caladas.

Quen sabe o que poidan chegar a contarnos nas próximas décadas, e as consecuencias que sacaremos deses coñecementos.

Podedes ver un vídeo de Visitmatera.com nesta ligazón.

Máis Historias asombrosas da vida real nesta outra ligazón de aquí.