Odio entre frikis

Cando eu era pequeno, os mozos tiñamos que xogar ao fútbol, ser uns macarras e pelexarnos con frecuencia entre nós. Iso determinaba o teu status social e ao que podías aspirar dentro do grupo de cabestros. Ler cómics e saber de superheroes era de frikis, no peor sentido da palabra, e afundía o teu marcador de popularidade.

Hoxe en día, sobre todo grazas ao cine Marvel, os superheroes convertéronse en mainstream, e todo o mundo sabe deste asunto e, o que é peor, opina coma se cada franquía lle pertencese. A xeneralización das redes sociais creou a absurda necesidade de que todas as opinións sexan escoitadas, teñan ou non un fondo versado, unha pertinencia ou un sentido. E a dura verdade é que non todas as opinións teñen validez e algunhas delas nin sequera merecen respecto. Hai que ter respecto implícito polas persoas, non polas opinións, que sempre sempre deben ser sometidas a un xuízo racional. Se eu opino que o mellor xeito de subir a recadación de Supergirl, por exemplo, é obrigar a todas as persoas do mundo a vela, aínda que sexa a punta de pistola, de verdade esas palabras merecen ser reproducidas en calquera parte e incluso respondidas?

Pois cos discursos de odio sucede o mesmo.

Precisamente porque non todas as opinións merecen respecto, eu non vou comentar aquí nada sobre películas de cine, porque non entendo do tema. Son escritor de novelas, relatos, contos, artigos e cómics, de xeito que son eses temas os que abordo na miña páxina web, pero non me atrevo a opinar sobre guións de cine, dirección ou xestión empresarial dunha franquía superheroica, porque non sei deses temas máis que calquera outro consumidor. E a opinión de soldado raso non ten maior interese.

O que me arrepía destes últimos tempos é o odio en redes sociais, que as volveu territorio de exclusións, dogmatismos e faltas de respecto, onde a opinión nunca vai acompañada de razoamentos e sempre deslexitima os comentarios doutros, coma se ninguén puidese ter outro tanto por cento de verdade. E isto é especialmente palpable entre frikis.

Sempre houbo un pique bobalicón entre lectores de Marvel e DC, entre seguidores do cómic americano e o manga, etc. Pero o que vemos na actualidade é simplemente odio xeneralizado contra todo o mundo. Non envexo en absoluto aos guionistas de Hollywood, porque agora resulta imposible contentar a ninguén, en especial con proxectos liderados por mulleres. Aí o odio brota como dunha fonte e espállase polas redes queimando todo, con independencia da calidade da película ou serie en cuestión, que iso dá o mesmo. The Acolyte, Capitá Marvel, Viúva Negra, The Marvels ou Supergirl, o último caso e o máis virulento, recibiron a súa dose de odio moitísimo antes de que ninguén vise unha soa imaxe, e os seus responsables tiveron que sufrir insultos e menosprezos, sobre todo cando eran mulleres.

Nada é o bastante masculino, radical e violento para eses colectivos, en ocasións a través de medios de prensa veteranos, e a existencia de personaxes femininos salientables sempre é mal acollida. Os termos máis extremos son woke ou inclusión forzada, pero iso non é tan frecuente como as críticas ás capacidades de interpretación das actrices, ou os dotes narrativos das guionistas, ou o traballo das directoras. Elas sempre son postas en dúbida a unha escala infinitamente maior que os homes na mesma posición de líder, e o seu despedimento inmediato xorde como a reclamación máis frecuente. E isto leva consigo unha maldade tripla: primeiro, polo ataque desmedido contra persoas inocentes, cuxo futuro profesional pende dun fío segundo as opinións dos fans; segundo, polo discurso de odio que esparexen, e que cada vez está a calar máis nunha sociedade que adoita moverse ao compás dos que máis gritan; e terceiro, polo que implica para todo o xénero.

Ninguén é capaz de valorar na súa xusta medida o dano que están a facer estas campañas. A ficción é algo tan efémero e os gustos tan cambiantes que algún día non quedará un só produto de ciencia ficción, fantasía ou terror, os fillos pobres da ficción xeneralista, e moita xente desaparecerá con eles. Igual que se marcharon as películas do Oeste e os bolsilibros, os superheroes quedarán esquecidos e ninguén saberá quen foron, só os enciclopedistas. E esa pena recaerá na memoria de toda a xente que puxo empeño en que despedisen aos responsables, todo a golpe de tuit desde a seguridade que lles confire o seu baño.

Máis heroínas, odio e campañas inxustas nesta ligazón.