
O mundo do cómic, igual que calquera outra forma de arte, móvese con frecuencia polo impulso dos seus creadores. Unha soa persoa pode empuxar toda a industria nunha dirección impensable ata ese momento e marcar de forma decisiva ás xeracións seguintes. Así, poderiamos nomear a Jerry Siegel e Joe Shuster —creadores de Superman, e con el de todo o xénero de superheroes—, Stan Lee, Steve Ditko e Jack Kirby —creadores do Universo Marvel, e con el de todos os superheroes modernos— ou a Alan Moore —que revolucionou o concepto e, de forma indirecta, iniciou unha época escura, de personaxes turbados, feros e con evidentes problemas mentais, moi distintos da base nobre e xenerosa coa que foron creados—.
Desde os anos 90, hai un friki escribindo cómics de superheroes, un home bo de Alabama que pode recitar de memoria as variantes de kryptonita que hai no Universo DC, e en cuxas historias aparecen mesturados a Raíña Insecto, Garguax, Metamorpho ou o Atlas de Jack Kirby. O seu coñecemento da continuidade é absolutamente enciclopédico e sempre a utiliza sen complexos, botando man de tramas, recursos e personaxes esquecidos décadas atrás, que el actualiza de forma divertida. Cre no papel heroico dos superheroes —algo que podería parecer redundante, pero que durante moito tempo non o foi—, e achega unha visión clásica do entretemento cunha perspectiva actual.
O seu primeiro traballo en DC Cómics foi realmente como editor, e xa a finais da década dos 80 creou xunto ao escritor Brian Augustyn o selo Elseworlds, que outorgaba aos artistas unha liberdade absoluta para reimaxinar aos grandes personaxes en versións alternativas. Así apareceron no mercado grandes cómics como Gotham: Luz de gas, Batman & Capitán América, Batman/Houdini, Gotham Noir ou Batman: Nove vidas.

En 1992, Waid comezou o seu gran labor na serie de Flash, onde transformou por completo a franquía. A vida de Wally West —o Flash oficial desde Crise en Terras Infinitas— nunca fora tan complexa nin acumulara tantos elementos definitorios. A Forza da Velocidade, Max Mercury, Impulso e, sobre todo, o legado como razón última do protagonista. Nun Universo DC post–Crise no que todo ocorrera nunha mesma continuidade —a Liga da Xustiza, a Sociedade da Xustiza, o Capitán Marvel, Blue Beetle ou os Loitadores pola Liberdade—, Waid explora o que iso significa para os heroes modernos, como as accións de hoxe responden ás daqueles que chegaron antes e ademais deixan pegada no futuro. Xa non hai elementos independentes, senón que todo forma parte dun mesmo tapiz no que moita xente boa se enfronta a moita xente mala a través do tempo, e iso divírtenos e ensínanos leccións.
Estas son as motivacións habituais nas historias de Mark Waid: os protagonistas son heroes porque queren facer o ben e que os demais non sufran. Renega dos traumas sexuais dos guións de Moore e dos antihéroes de enormes fusís e mandíbulas apertadas que se fixeron tan famosos nos anos 90. Ese altruísmo dos personaxes en mallas de cores pode identificarse unha vez tras outra nas obras de Waid: Capitán América —xunto a Ron Garney—, Kingdom Come —xunto a Alex Ross—, Liga da Xustiza —con Bryan Hitch e Barry Kitson—, Os 4 Fantásticos —con Mike Wieringo—, Daredevil e Viúva Negra —ambas con Chris Samnee—.
Durante estes últimos anos, Mark Waid revolucionou outra vez o universo ficticio de DC Cómics traballando con varios debuxantes sensacionais: Dan Mora —en Shazam!, Justice League Unlimited e Batman/Superman: World´s Finest—, Chris Samnee —en Batman & Robin: Ano Un— e Clayton Henry e Skylar Patridge —ambos en Action Cómics—.
Un escritor sen complexos, un friki que se nota o moito que goza escribindo cómics e un estudioso do pasado da editorial que actualiza conceptos clásicos e os volve outra vez divertidos. Que marabilla é compartir época con Mark Waid!
Máis autores divertidos, tramas de aventuras e cidades poboadas por gorilas evolucionados nesta ligazón.
