Día de Neira Vilas e da Lectura

Esta semana celebramos o aniversario de Xosé Neira Vilas, ocasión marabillosa para ler as súas historias na propia casa que foi súa, e que agora alberga a fundación que coordina o seu legado. O pasado día 3, o mestre de Vila de Cruces cumpriría 98 anos, e non hai mellor forma de celebralo que reunirse en Gres e traer de novo a Balbino, Pachín e os demais personaxes de Memorias dun neno labrego, obra insigne da literatura, que segue plenamente actual.

Publicada en 1961, a novela mostra un realismo social duro que non adoza en absoluto a vida da Galicia rural de comezos do século XX, e que ao mesmo tempo a fai entrañable ao dar a voz narrativa a un neno pequeno da zona —que representa ao propio autor—. As súas andanzas, pensamentos, soños e avatares ocupan un texto que xa é universal, ao servir de mostrario da vida de toda unha xeración —a que tivo que emigrar e construír o seu futuro moi lonxe—.

Son tamén as andanzas do propio Neira Vilas, que emigrou a Bos Aires con vinte anos, posteriormente trasladouse a Cuba coa súa esposa, Anisia Miranda, e só regresou ao seu pobo en 1992, onde creou a fundación que leva o seu nome. Esa infancia rural en Vila de Cruces, a emigración e o galeguismo no exilio marcaron a súa obra e convertérona en expoñente de moitos outros coma el.

Memorias dun neno labrego volve a Gres cada 3 de novembro e a súa lectura pública xa é un acontecemento asentado que reuniu a xente de toda a comarca, autoridades políticas e responsables da fundación. Capítulo a capítulo, as aventuras de Balbino espertaron sorrisos, ilusións e penas un ano máis, e crearon un sentimento de apego en todos aqueles que amamos a obra.

2027 é o ano de Neira Vilas, co Día das Letras Galegas dedicado á súa figura, e en 2028 cumprirá 100 anos. Máis ocasións para lembrar a enorme influencia que tivo un dos grandes mestres da literatura galega.

Outras lecturas, personaxes entrañables e momentos deliciosos nesta ligazón.