Chega a TuidCon

Hoxe comeza a TuidCon ou Hispacon de Tui, a convención anual de Pórtico —Asociación Española de Ciencia Ficción, Fantasía e Terror—. Un encontro para falar de imaxinación e soños nun enclave portentoso, no que o seu carácter fronteirizo marcou séculos de historia, ás veces como punto de encontro e ás veces de conflito.

E hai algo máis fronteirizo que os xéneros fantásticos? Algo que sirva máis de encontro e tamén de conflito (coa sociedade, o progreso ou a especie humana)?

Van ser tres días de eventos, charlas, presentacións, xogos e unha gran cea de gala na que se van a coñecer os galardoados do ano.

Conto contigo para esta celebración?

Este ano teño a sorte e a honra de colaborar en catro actividades:

«Unha ficción científica en galego? Habela, haina», con Jorge Emilio Bóveda. Venres, día 16, ás 17.30 horas, no Espazo Sociocultural de Tui.

«Presentación: Exogamia 1.3», con Ramón Caride. Sábado, día 17, ás 11.30 horas, nos Antigos Xulgados de Tui.

«Presentación: Editorial Galaxia na TuidCon», con Marcos Calveiro, Juan Parcero e Pablo J. Rañales. Sábado, día 17, ás 19 horas, nos Antigos Xulgados de Tui.

«Verne e as fronteiras da ciencia», con José Garabatos. Domingo, día 18, ás 10.30 horas, na área Panorámica.

Van ser tres días espectaculares, cheos de momentos incribles e do soño de falar do que non existe, pero que o podemos imaxinar. Apúntaste?

Máis tolemias, viaxes galácticas, orcos e fadas nesta ligazón.