Usemos ben as pantallas

Estes días volveu a recomendación xeral de abandonar por un tempo as pantallas e regresar á aprendizaxe, a lectura e a escritura en papel. Está demostrado que a relación directa coa cultura en papel mellora a concentración e a capacidade de entender conceptos e dar entidade a ideas abstractas. Non se parece en nada asumir un porqué de forma ambigua que ter que explicalo a outra persoa ou a un/a mesmo/a.

Con todo, tamén é certo que vivimos na mellor época de acceso ao saber, que un teléfono móbil ou un computador constitúen a mellor ferramenta para facerse, nun clic, con todo o saber universal. Pero onde? E realmente hai vontade niso?

No campo da literatura, existen numerosas páxinas web que permiten a lectura de obras de todas as épocas de forma legal, nun idioma ou noutro, e pagando ou de xeito gratuíto.

Repasemos algunhas delas:

Elejandría.

eBiblio.

Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes.

Project Gutenberg.

Casa do Libro.

Fnac.

Amazon.

Kobo de Rakuten.

Smashwords.

Marvel Unlimited.

DC Universe Infinite.

ComiXology.

Webtoon.

Zona 00 Comics.

Comic Book Plus.

Digital Cómic Museum.

Unha verdadeira delicia para os momentos libres. Nesas páxinas mestúrase Salgari con Bárbara Montes, o Capitán Marvel orixinal con Bill Rayos Beta e os folletíns cos ebooks, todo perfectamente ordenado e dixitalizado para o desfrute común.

Desde logo, son o primeiro que recoñezo a marabilla que representan un libro e un cómic en papel, e as posibilidades que ofrecen para illarse do mundo exterior e vivir plenamente esa viaxe ao Círculo Polar Ártico, ou aos mares do Sur, ou aos xa desaparecidos Canles de Marte. Son un completo namorado das edicións bonitas, dos gravados de Tomás Hijo e os debuxos a carbón de Armel Gaulme, dos tomos en tapa dura do Flash Gordon de Alex Raymond ou do incrible Cosmic Detective, de Matt Kindt, Jeff Lemire e David Rubín. E oxalá as publicacións en papel chegasen a todos os sitios, ou houbese máquinas de impresión baixo demanda en todos os barrios.

Pero, ademais, podemos encher Internet de libros, relatos, cómics, revistas e outras moitas creacións fabulosas, porque a cultura non é só papel, nin a literatura vén só impresa. E igual a solución aos nosos problemas como sociedade ―a dispersión de pensamento, a falta de práctica coa lectura ou a perda de vocabulario― non vinga de apagar as pantallas, senón de utilizalas sabiamente e para culturizarnos cada vez máis.

Se xa Julio César soñou cunha biblioteca de acceso público con textos en grego e en latín, para que a cultura fose para todos ―aínda que el non chegase a velo e a tarefa quedase en mans do político Gayo Asinio Polión―; se en plena Revolución Industrial abundaban os penny dreadful e as novelas por entregas, coa intención de que esa enorme poboación obreira puidese ler e distraerse; non é o momento agora dunha revolución dixital literaria?

Non debe esta xeración encher as redes de frases de John Steinbeck,Pedro Feijoo, Mariana Enríquez, Federico García Lorca, Chimamanda Ngozi Adichie e Alan Moore? Por que non compartir viñetas de Jack Kirby, Moebius, Mikel Janín, Emma Ríos ou Katsuhiro Ōtomo?

O mundo, sen dúbida, sería un lugar infinitamente mellor.

Máis páxinas web e ideas revolucionarias nesta ligazón.